Saturday 18 de May de 2024

Valentín García participa en Valencia no I Seminario de Direccións Xerais de Política Lingüística


A iniciativa, promovida pola Dirección Xeral de Política Lingüística e Xestión do Multilingüismo da Generalitat Valenciana, emprazou os responsables de política lingüística das comunidades españolas con linguas cooficiais

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Valencia no I Seminario de Direccións Xerais de Política Lingüística promovido pola Dirección Xeral de Política Lingüística e Xestión do Multilingüismo (DGPLGM) da Generalitat Valenciana no marco do congreso “Aposta polo Multilingüismo. 15 anos do Marco Europeo Común de Referencia e do Portfolio Europeo das Linguas”, que ten como obxectivo principal ampliar os espazos de encontro entre os responsables da política lingüística dos diferentes territorios con linguas propias e identificar novas prioridades, estratexias e liñas de actuación conxuntas na promoción do plurilingüismo a diferentes niveis políticos.

Marco plurilingüe español
García Gómez destacou durante este encontro “a importante colaboración que se está desenvolvendo entre os diferentes os gobernos das distintas comunidades autónomas con linguas cooficiais, do que dá boa mostra este primeiro seminario, e a necesidade de levar a cabo unha análise conxunta das accións de promoción das nosas linguas en sectores importantes para o seu posicionamento e visibilización como poden ser a Administración ou as TIC”. O secretario xeral recordou que Galicia é unha das comunidade promotoras do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que a Xunta participa desde o ano 2007 canda a Generalitat de Cataluña e o Goberno Vasco-Eusko Jaurlaritza e que Santiago de Compostela acolleu dúas das catro últimas reunións de seguimento.

No seminario participaron tamén titulares dos departamentos encargados das políticas lingüísticas de Euskadi, Cataluña, Navarra, Asturias, Aragón e Baleares, goberno este último que se incorpora ao mencionado protocolo de colaboración en materia de política lingüística. A orde do día da reunión abordou temas de relevancia para a promoción das linguas cooficiais como as estratexias de fomento do uso no marco do Estado español, nas relacións coa Unión Europea, a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e os diferentes informes do Consello de Europa ás autoridades españolas ou a promoción do multilingüismo desde a Unión Europea.

Congreso “Aposta polo Multilingüismo”
Ademais de neste seminario, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, participou no congreso congreso “Aposta polo Multilingüismo. 15 anos do Marco Europeo Común de Referencia e do Portfolio Europeo das Linguas”, que organiza a Generalitat Valenciana dentro da súa Primavera Educativa, na que participan máis de 500 centros de ensino, máis de 1.000 voluntarios e preto de 30 patrocinadores e colaboradores durante esta fin de semana cunha asistencia prevista de 30.000 persoas, e na que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística conta cun expositor no que dar a coñecer os principais materiais de ensino e aprendizaxe da lingua galega adaptados ao sistema de certificación da lingua galega (Celga).

No marco deste congreso, a subdirectora xeral de Política Lingüística, María A. Antón, participou hoxe nunha mesa redonda moderada polo director xeral valenciano, Rubén Trenzano, centrada na adaptación das probas de acreditación das linguas cooficiais ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MECRL) para dar conta da experiencia galega, xunto con Joseba Erquicia, director xeral de HABE (Instituto para a Euskaldunización de Adultos do Gobierno Vasco-Eusko Jaurlaritza);
Marta Xirinachs, subdirectora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña; e Carmen Pastor, subdirectora académica do Instituto Cervantes.

Cooperación autonómica a prol do galego, do catalán e do éuscaro
A Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais os departamentos homólogos de Cataluña e Euskadi, manteñen un diálogo permanente no tocante á promoción das respectivas linguas propias no marco dunha participación conxunta en diversas iniciativas.
Xunto con Navarra, participan tamén na Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD), proxecto no que levan a cabo diferentes accións conxuntas que redundan na promoción do uso das linguas galega, vasca e catalán no mapa de ruta europeo para a diversidade lingüística.